Este sitio web guarda pequeños fragmentos de información (cookies) en su dispositivo con la finalidad de ofrecer un mejor contenido y para finalidades estadísticas. Usted puede desactivar el uso de cookies modificando la configuración de su navegador. Navegar por nuestro sitio web sin cambiar la configuración del navegador hace que usted nos esté autorizando a guardar esta información en su dispositivo.
Estoy de acuerdo Ver política completa
• Esta terceira edición, á que asistiron máis de 150 gandeiros, puxo o foco en tres aspectos clave: a alimentación, o manexo e a xestión económica das tenreiras desde o seu nacemento ata o parto.
A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu as III Xornadas Naturleite, un encontro que congregou a máis de 150 gandeiros co obxectivo de poñer o foco nun aspecto decisivo para a rendibilidade e o futuro das ganderías de vacún de leite: a recría de xovencas.
A xestión económica, a alimentación e o manexo como piares para conseguir un mellor desenvolvemento dos animais e facilitar a toma de decisións nas ganderías con criterios técnicos e económicos foron os temas arredor dos cales se desenvolveu o encontro.
A benvida ás xornadas correu a cargo de José María Díaz, director técnico de NaturRego, a división de Naturleite especializada en alimentación animal, quen encadrou o encontro na aposta da compañía por achegar coñecemento práctico e solucións aplicables ao día a día das ganderías. Ao longo do programa, sucedéronse as intervencións de Carlos Martín, responsable de vacún de leite de Cargill; Luis García e Joaquín Anso, de Tauste Ganadera; Adrián González, nutricionista de vacún de leite, e Pablo Larrosa, gandeiro de El Barranquillo, que abordaron o proceso do nacemento ao parto de maneira completa e aplicada.
Desde Naturleite, o encontro concibiuse como un espazo de transferencia de coñecemento práctico, orientado a que os asistentes puidesen levar ferramentas e criterios claros para optimizar resultados. Neste marco, a directora xeral de Naturleite, María Jesús Peteira, destacou que “estas xornadas buscan ofrecer unha visión integral da recría, unha decisión clave para o futuro das ganderías. O obxectivo é que os gandeiros adquiran ferramentas prácticas para optimizar alimentación e manexo, e unha base económica sólida para decidir entre recriar ou comprar segundo a súa realidade”.
Así mesmo, Peteira subliñou a acollida da convocatoria e o interese xerado: “A asistencia de máis de 150 gandeiros confirma que este tema preocupa e que existe unha demanda real de información práctica e rigorosa. Para Naturleite, estar preto do gandeiro e acompañalo con formación e contidos que acheguen valor é unha prioridade”.