Este sitio web guarda pequeños fragmentos de información (cookies) en su dispositivo con la finalidad de ofrecer un mejor contenido y para finalidades estadísticas. Usted puede desactivar el uso de cookies modificando la configuración de su navegador. Navegar por nuestro sitio web sin cambiar la configuración del navegador hace que usted nos esté autorizando a guardar esta información en su dispositivo.
Estoy de acuerdo Ver política completa
• Os cinco primeiros participantes do programa denominado Muxindo o futuro realizarán unha formación tanto teórica como práctica en ganderías de vacún de leite da provincia de Lugo.
10.07.2025. A empresa láctea Naturleite, en colaboración coa Cruz Vermella, puxo en marcha o programa Muxindo o futuro, unha iniciativa que busca formar a persoas migrantes en tarefas propias das ganderías de vacún de leite. No proxecto, desenvolvido en varias ganderías provedoras de Naturleite, participan cinco persoas procedentes de Malí e Senegal.
Durante catro semanas, os participantes recibirán unha formación específica dividida en dúas fases: unha parte teórica, centrada no coñecemento do sector lácteo galego, os ciclos produtivos do vacún e o manexo básico do gando; e unha parte práctica, que se desenvolverá nas ganderías, onde se integrarán nos procesos diarios de alimentación, muxido e coidado dos animais.
Este proxecto nace co dobre obxectivo de facilitar a inserción laboral e social de persoas migrantes e de dar resposta á crecente necesidade de man de obra especializada que afronta o sector lácteo, non só en Lugo senón en toda Galicia, contribuíndo así á súa sustentabilidade a medio e longo prazo.
Segundo a directora xeral de Naturleite, María Jesús Peteira, “este programa encaixa plenamente co compromiso social e territorial da empresa. Apostamos polo desenvolvemento sostible do rural galego e iso pasa por dar resposta aos retos que nos trasladan os nosos gandeiros e por crear oportunidades para persoas que desexan integrarse e aportar ao noso tecido produtivo”.
Pola súa banda, Matilde Hernández, directora dos Servizos Técnicos de Campo de Naturleite, sinala que “a formación está deseñada cun enfoque moi práctico e adaptado á realidade das ganderías. O obxectivo é que, ao finalizar o programa, as persoas participantes conten cos coñecementos básicos necesarios para incorporarse ao traballo no sector cun nivel adecuado de autonomía”.
Na mesma liña, María Fernández, técnica do Plan de Emprego da Cruz Vermella, destaca que “a través desta iniciativa desenvolvida en colaboración con Naturleite, persoas migrantes atopan unha oportunidade real de integración laboral. Poden formarse nun sector cunha alta demanda, mentres que os gandeiros teñen a posibilidade de incorporar e formar a persoas con grandes dificultades de acceso ao emprego, nun ámbito que precisa urxentemente man de obra cualificada”.